domingo, 25 de septiembre de 2011

A DÉCADA DO 11 DE SETEMBRO



Catedrático de Filosofía

               É difícil saber cando comezan os feitos e cando acaban, cando ocorre de verdade algo. A propósito dos atentados do 11 de setembro, dos que se cumpren agora dez anos, e se atendemos á cantidade de teorías conspirativas diferentes que circulan na rede, das que moitas apuntan á complicidade entre as familias de Bush e Bin Laden (na liña dos intereses comúns postos de manifesto por Michel Moore en Fahrenheit 9.11), podería parafrasearse a boutade do sempre polémico Baudrillard a propósito da primeira Guerra do Golfo e dicirse que o 11-S non tivo efectivamente lugar, quere dicirse que o máis sustancial da súa realidade deuse na súa recreación mediática. Pero máis alá das discrepancias sobre as orixes do 11-S, o que si sabemos é o que ten ocorrido despois, e no entanto xa se pode ir facendo un balance da súa significación histórica que o relacione cos acontecementos posteriores, da Guerra contra o terrorismo en Afganistán e Irak á crise económica e a Primavera árabe, e compare en cada caso procesos, obxectivos e resultados.
Pecha o 11-S a folga de acontecementos da que tamén falara Baudrillard, referíndose ao período glorioso dos Estados de Benestar? Que papel xogou a Guerra contra o terrorismo na debacle do propio sistema? Por onde se foi a súa lexitimidade, e que función cumpriron aí os estoupidos das Torres de Manhattan? E máis alá: hai algunha lexibilidade nos acontecementos da década que lles confira algún tipo de lóxica interna?
Retrospectivamente o 11-S pode ser visto como a apoteose terminal do dominio hexemónico de Occidente, remachado oito anos despois o 15 de setembro de 2008 coa caída de Lehman Brothers, e desde aí aos sobresaltos destes tres últimos anos. Así que só forzando os termos podemos dicir que o 11-S é o principio dunha nova época, o signo nihilista do século XXI e mesmo do futuro; máis ben é un episodio que está no medio dun proceso máis amplo, un capítulo máis da descomposición do dominio mundial das economías industriais cara novos polos de poder e de atracción do capital. A crise económica é pois o capítulo seguinte dun proceso ao que, polo que levamos visto estes tres anos, non se lle aventura unha boa saída.
Abundando nas filosofías portátiles da historia ás que somos tan acostumados, ese fío condutor iría do estoupido da burbulla puntocom á caída das Torres Xemelgas, e desta á crise económica pola vía da Guerra contra o terrorismo. Hai outros factores, claro está, coma sempre é o caso, pero iso non quita o feito obxectivo de que a guerra de Iraq supuxo un cambio de estratexia na política económica ao incrementar enormemente o gasto público, o que combinado con progresivas rebaixas de impostos ao capital acabou por deixar á intemperie ao propio Estado.
A principios deste ano a administración americana tiña recoñecido un gasto nas guerras de Afganistán e Iraq de 500.000 millóns de dólares, e o propio Obama relacionou a magnitude dese gasto coa crise económica en Estados Unidos; pero é que fontes como a do programa COSTOFWAR do National Priorities Project xa o estimou por entón en máis dun billón de dólares, e agora a Universidade de Brown eleva o difícil cómputo a unha cifra entre 2,3 e 2,7 billóns de dólares (nada menos que en torno ao 4% do PIB mundial).
Por tanto parece comprensible a presa de Obama por declarar a fin destes dez anos de guerra contra o terrorismo, sobre todo despois de ter conseguido a cabeza de Bin Laden. Xa non hai réxime talibán e a capacidade de combate de Al Qaeda está máis dificultada, pero o feito real é que os talibáns pouco a pouco ganan de novo terreo, e tampouco hai un Estado afgano que poida chamarse tal, senón un país empobrecido, máis inseguro e corrupto. De xeito que entre a necesidade económica e a virtude política, o plan de retirada deixará no limbo dos problemas insolubles ao conglomerado AFPAK.
En realidade o yihadismo viuse trastocado máis que polo desgaste de Al Qaeda pola Primavera árabe, e por iso esta élle tan conveniente aos intereses de Obama se se mantén dentro dun certo control, aínda que todo pode pasar desde Marruecos ata Irán. Pero entón xa non estamos a falar de virtude senón de verdadeira necesidade política: Obama xa ten abondo cos problemas domésticos e a confrontación co Tea Party, e o horizonte da reelección en 2012 álzase como o obxectivo ao que supeditar calquera outro, sobre todo cando non hai outras ideas sobre onde se quere ir no medio das turbulencias económicas.
Así que a década inicial do século XXI –a década do 11-S– ten toda a traza de ser un intervalo terminal dentro da descomposición das relacións de poder tecidas despois da Segunda Guerra Mundial; por tanto unha década que en realidade está no medio e medio do tempo dunha profunda e duradeira crise.

EL ESCRIBA DE LA DEMOCRACIA

  El pasado 14 de marzo fallecía Jürgen Habermas a los 96 años, la figura más importante del panorama filosófico   de las últimas seis décad...