martes, 7 de noviembre de 2023

A DESTRUCIÓN DE GAZA

 ARTÍCULO EN "EL PROGRESO", 5/XI/2023

Adoita dicirse que hai que coñecer a historia para non repetir os seus erros, e non serei eu quen desminta esa conveniencia, pero tamén hai momentos nos que a historia é unha lousa que impide avanzar, a conciencia dun pasado que obriga a retrotraerse sempre á orixe dun agravio interminable. Pasa cos pobos como coas persoas, ás veces imponse cortar o nó gordiano, atreverse a un paso adiante que moitos non entenderán no presente, pero que pode ser necesario para ter opción de futuro.

Algo así pasa con Palestina, unha fonte inesgotable de dor que ten as súas causas históricas (a orixe do sionismo moderno, a fundación do Estado de Israel, as súas guerras de ampliación, a progresiva ocupación por colonos chegados de todas partes do mundo, en especial tras a debacle pos-soviética de Rusia, e tamén de Ucraína, Arxentina e moitas outras nacionalidades), un longo proceso de expulsión e segregación da poboación árabe que nunca augurou nada bó. Víase vir que a cada vez máis radicalizada política israelí sobre os territorios palestinos, en particular o encerro a ceo aberto de Gaza, non podía provocar máis que un odio crecente e unha radicalización palestina, como así foi, coa irrupción de Hamás desde principios deste século.

Un intento de cortar o nó foi o proceso que levou ós Acordos de Oslo en 1993, con premio Nobel da Paz incluido para Yasser Arafat, Isaac Rabin e Simon Peres. Con el parecía abrirse paso a aceptación mutua do dereito á existencia, a idea dos dous Estados que hoxe parece unha quimera. Foi flor dun día en termos históricos, unha idea sancionada pola ONU pero que nunca estivo na vontade real de Israel nin contou co apoio das potencias globais. O intelectual palestino Edward Said advertira que supoñía unha rendición de feito porque institucionalizaba a ocupación e a partición dunha Palestina inviable. Con todo, desde o lado palestino, significaba polo menos o inicio dun proceso de transición que nunca tivo lugar, ao contrario, os asentamentos xudeus seguiron aumentando ata hoxe, que están no poder en Israel os que xa entonces rexeitaban os acordos.

Agora xa ninguén cre nas posibilidades dunha convivencia que non atopou máis que obstáculos, pola que ninguén apostou de verdade desde os países occidentais que foron apoio principal de Israel. Gaza parece encamiñarse á destrución e ninguén ten nin a vontade nin a determinación para detela. Neste século XXI no mundo impera unha nova realpolitik de feitos consumados. Gaza parece destinada á triste serie de cidades masacradas, como o foron Alepo en Siria, Grozni en Chechenia, Mosul en Iraq ou Mostar en Bosnia. A lista non é exhaustiva e podía ser interminable, pero con Gaza lévase camiño de subir a aposta na política de aniquilación. Se Putin pode por que eu non?, debeu preguntarse Netanyahu; e para complicar as cousas Ucraína busca achegarse a Israel (pro-occidentais, sostendo o dereito a defenderse dun ataque exterior, ou por ser Zelenski xudeu), mentres os palestinos son arroxados ó sur global que a Rusia de Putin cortexa no seu desafío a Occidente.

Mentres aquí os coros braman na distancia e dan ás ó anti-semitismo e islamofobia que crecen, a veces co subterfuxio da solidariedade. Dous Estados xa non son suficientes. Habería que reordenar todo o mapa, inventar estructuras alleas á pertenencia étnica ou relixiosa, atreverse a cortar ese nó. Pero quen pode, se aínda manda a lóxica dos imperios e as colonias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

EL ESCRIBA DE LA DEMOCRACIA

  El pasado 14 de marzo fallecía Jürgen Habermas a los 96 años, la figura más importante del panorama filosófico   de las últimas seis décad...