ARTÍCULO EN "EL PROGRESO", 5/XI/2023
Adoita dicirse que hai que coñecer a historia para non repetir os seus
erros, e non serei eu quen desminta esa conveniencia, pero tamén hai momentos
nos que a historia é unha lousa que impide avanzar, a conciencia dun pasado que
obriga a retrotraerse sempre á orixe dun agravio interminable. Pasa cos pobos
como coas persoas, ás veces imponse cortar o nó gordiano, atreverse a un paso
adiante que moitos non entenderán no presente, pero que pode ser necesario para
ter opción de futuro.
Algo así pasa con Palestina, unha fonte inesgotable de dor que ten as súas causas
históricas (a orixe do sionismo moderno, a fundación do Estado de Israel, as
súas guerras de ampliación, a progresiva ocupación por colonos chegados de
todas partes do mundo, en especial tras a debacle pos-soviética de Rusia, e
tamén de Ucraína, Arxentina e moitas outras nacionalidades), un longo proceso
de expulsión e segregación da poboación árabe que nunca augurou nada bó. Víase
vir que a cada vez máis radicalizada política israelí sobre os territorios
palestinos, en particular o encerro a ceo aberto de Gaza, non podía provocar
máis que un odio crecente e unha radicalización palestina, como así foi, coa
irrupción de Hamás desde principios deste século.
Un intento de cortar o nó foi o proceso que levou ós Acordos de Oslo en
1993, con premio Nobel da Paz incluido para Yasser Arafat, Isaac Rabin e Simon
Peres. Con el parecía abrirse paso a aceptación mutua do dereito á existencia,
a idea dos dous Estados que hoxe parece unha quimera. Foi flor dun día en
termos históricos, unha idea sancionada pola ONU pero que nunca estivo na
vontade real de Israel nin contou co apoio das potencias globais. O intelectual
palestino Edward Said advertira que supoñía unha rendición de feito porque
institucionalizaba a ocupación e a partición dunha Palestina inviable. Con
todo, desde o lado palestino, significaba polo menos o inicio dun proceso de
transición que nunca tivo lugar, ao contrario, os asentamentos xudeus seguiron
aumentando ata hoxe, que están no poder en Israel os que xa entonces rexeitaban
os acordos.
Agora xa ninguén cre nas posibilidades dunha convivencia que non atopou
máis que obstáculos, pola que ninguén apostou de verdade desde os países
occidentais que foron apoio principal de Israel. Gaza parece encamiñarse á
destrución e ninguén ten nin a vontade nin a determinación para detela. Neste
século XXI no mundo impera unha nova realpolitik
de feitos consumados. Gaza parece destinada á triste serie de cidades
masacradas, como o foron Alepo en Siria, Grozni en Chechenia, Mosul en Iraq ou
Mostar en Bosnia. A lista non é exhaustiva e podía ser interminable, pero con Gaza
lévase camiño de subir a aposta na política de aniquilación. Se Putin pode por
que eu non?, debeu preguntarse Netanyahu; e para complicar as cousas Ucraína
busca achegarse a Israel (pro-occidentais, sostendo o dereito a defenderse dun
ataque exterior, ou por ser Zelenski xudeu), mentres os palestinos son arroxados
ó sur global que a Rusia de Putin cortexa no seu desafío a Occidente.
Mentres aquí os coros braman na distancia e dan ás ó anti-semitismo e
islamofobia que crecen, a veces co subterfuxio da solidariedade. Dous Estados
xa non son suficientes. Habería que reordenar todo o mapa, inventar estructuras
alleas á pertenencia étnica ou relixiosa, atreverse a cortar ese nó. Pero quen
pode, se aínda manda a lóxica dos imperios e as colonias.