Tense dito moito: unha da raíces dos males contemporáneos é a
fragmentación do coñecemento, a separación entre as disciplinas científicas e
as humanísticas, a desconexión entre os fragmentos que compoñen iso que
simplificadamente chamamos “razón”. A superespecialización moderna levounos a
unha idea reduccionista da razón humana, vista baixo o prisma dos seus
procedementos, unha “razón instrumental” desvinculada de fins, valores,
preferencias, e cultivada de costas á poesía, o instinto, a historia… e a
natureza.
Cada un destes aspectos merecería o seu pequeno artigo
propio, ou o seu gran estudo en profundidade. En realidade unha parte
considerable da filosofía contemporánea adícase ou adicou a iso, desde a “razón
poética” de María Zambrano á crítica do humano “unidimensional” en Herbert
Marcuse. Hoxe centrarémonos na cuestión da natureza, no afastamento da natureza
que se produce desde a xeneralización dos modos de vida industriais, e máis no
actual contexto hipertecnolóxico.
Entendo que boa parte do ecoloxismo xorde para paliar ese
afastamento e procurar unha reconexión coa contorna, sobre a base dun mellor
coñecemento dos múltiples fíos que vinculan aos organismos cos seus ecosistemas
e do funcionamento holístico e complexo destes. O vello concepto de “physis”
(natureza) xa suxería algo así. Non hai pezas separadas que veñan simplemente a
unirse senón dinámicas nas que flúen os mesmos elementos que se trasladan desde
o micro ao macro e á inversa, e isto vale tamén para individuos e sociedades, o
que confire ao pensamento ecoloxista un potencial terapéutico e transformador.
Claro que desde aí móntase todo un conglomerado “verde” que
entra a formar parte das loitas políticas, dos movementos de resistencia
populares e das estratexias institucionais. O verde converteuse nun elemento chave
da controversia ideolóxica. Pero hoxe o verde vólvese case negro. Entramos
nunha era de ansiedade climática, e na conversa pública instálase unha forma de
negacionismo inmune ao razoamento científico. Episodios de calor extremo como o
recente suliñan a impotencia humana diante dunha natureza exuberante, e
tampouco agardamos grandes cambios dende a política ou a economía máis alá da
simple resistencia, solo subsiste unha vontade de escape.
Deixamos de sentir o que a razón establece, perdemos a
conexión, volvemos fragmentarnos por dentro. O verde vólvese case negro porque desaparecen
centos de especies a ritmo cada vez máis acelerado e non se da actuado fóra do
inmediato. Estamos atados ao corto prazo, coma se xa non importasen as
xeracións que veñan, unha das chaves do pensamento ecoloxista desde Hans Jonas,
a ampliación da responsabilidade cara ao futuro. Verde case negro porque non
parecemos dispostos a renunciar ao noso modo de vida imperial, cimentado sobre
a lóxica productivista do sempre máis e máis e unha cultura do benestar que
prima a eficiencia sobre o goce.
Unha ecoloxía “terrestre” (ou mesmo cósmica) non nos salvará
sen ir acompañada dunha ecoloxía que sexa tamén social e mental (como dicía
Felix Guattari ao falar de “ecosofía”). Por iso cando se dí ALTRI NON no é solo
unha cuestión de cálculo (os prexuízos económicos derivados de arrasar con
actividades de proximidade ligadas á conservación do medio ambiente, ou os
problemas de saúde pública dos que advirten biólogos e especialistas sanitarios),
é máis aló diso unha cuestión telúrica, que trata da reconexión emocional coa
natureza e de ser capaces de pensar en formas de vida máis satisfactorias e
sostibles.
Xullo 2025