jueves, 26 de enero de 2023

VALORES E ENERXÍA

 

Hai que ter coidado co que pensamos, pois poida que teñamos ideas que non merecemos. O reputado historiador Ian Morris conta que foi visitar unha colega antropóloga a Kenia, anos 80, disposto a atopar tempo para acabar un libro. Cada día tiñan que ir buscar auga ó río, e ramas para facer lume e fervela, e así varias horas para poder usala, pero no tocante ás nativas non querían tratalas coa superioridade propia do colonialismo encargándolles esas tarefas. As súas xornadas facíanse insufribles, mentres as mulleres de alí intercambiaban cómplices miradas de conmiseración, ata que finalmente se impuxo a solución lóxica que todas estaban a esperar: por un dólar ó día fixéronse cargo, solución que foi de gran axuda para elas e un alivio para os ilustres visitantes.

Morris desubrira os valores de “Agraria” (en “Cazadores, campesiños e carbón. Unha historia dos valores das sociedades humanas”). O autor recoñece que “talvez Kant non fixese o mesmo”, pero está convencido de que todos actuariamos así. Eu non o creo de todo (do que é capaz un filósofo por saírse do redil!), pero é interesante reter a tese principal dun libro con aspectos discutibles, mais acompañado dunha inxente cantidade de datos. A idea é que cada época ten os valores que necesita en función da captura de enerxía por persoa e día permitida polos recursos do medio e as capacidades técnicas. Non é o mesmo unha sociedade nómade que non pode acumular riqueza que outra campesiña na que é fundamental a protección da herdanza. Temos os valores que nos convén ter, os que nos benefician para atender as necesidades vitais e mellorar a eficacia enerxética.

Cando houbo grupos humanos que conseguiron pasar a barreira das 10.000 kilocalorías por persoa e día, os valores igualitarios dos cazadores-recolectores deixaron de ser funcionais, así como o seu aprecio pola violencia. Iso produciuse coa aparición da agricultura, que deu paso ás sociedades campesiñas de Agraria.

Foi a agricultura a maior fraude da historia, como dixo Yuval Noah Harari? Morris pensa que se a humanidade abandonou a opulencia relativa das sociedades primitivas foi porque as alternativas eran peores, como pasar fame varias veces ó ano ou ser esmagados por outros grupos humanos decididos a traballar duro. A humanidade non elixiu a suxeición do penoso traballo campesiño, pero este fíxose cada vez máis necesario, inevitable na práctica para non verse superado polos feitos. É o efecto Reina Vermella que menciona Morris aludindo ó personaxe de Lewis Carroll: cando todo o marco se move, hai que correr tanto como sexa posible só para permanecer no mesmo sitio.

Esta situación determinou a utilidade da escravitude e o patriarcado, valores que permitiron triplicar a captura de enerxía durante máis de dez mil anos, ata que os combustibles fósiles permitiron dar outro salto (de 38.000 kcal nos inicios da Revolución Industrial a 230.000 a finais do século XX) que fixo obsoletas as vellas xerarquías políticas e valores asociados.

É a sociedade que Morris denomina Industria, que despois de case trescentos anos acabou cos vestixios de Agraria. Será a decadencia actual das sociedades liberais unha función dos límites ecolóxicos de Industria? Que valores serán funcionais cando os combustibles fósiles dean paso a outras formas de capturar enerxía? Que pensaríamos que é bó e xusto, se a civilización chega algún día a sosterse de forma limpa, barata e inesgotable coa anunciada fusión nuclear?  

EL ESCRIBA DE LA DEMOCRACIA

  El pasado 14 de marzo fallecía Jürgen Habermas a los 96 años, la figura más importante del panorama filosófico   de las últimas seis décad...