martes, 16 de septiembre de 2025

NATUREZA E LIBERDADE (A FILOSOFÍA EN DOUS PASOS)

 

Nunca acabei de entender iso que dicía Kant de que todas as preguntas da filosofía resúmense nunha soa, “que é o home?” Aparte do tufo masculinocéntrico contra o que cabe apelar a un uso amplo do termo “home” que inclúa ás mulleres, sempre me pareceu unha idea cargada de prexuizos, concibida sobre un molde cultural anticuado.

Por que o home debía ser a referencia (e non, poñamos por caso, a natureza ou o espírito)? Se a filosofía quere alcanzar algunha verdade, pensaba, debía desembarazarse dunha perspectiva limitada e transcender o que somos, buscar algo realmente xeral do que os humanos non sexamos máis que un caso particular. Por que aceptar a validez do noso pequeno punto de vista?

Sobre iso polemizaban humanismo e antihumanismo, de Nietzsche e Heidegger a Lévi-Strauss e Foucault ata novos paradigmas como o ecoloxismo, que apuntaban a redimensionar o humano (antes da eclosión dos poshumanismos tecnolóxicos como parte do conglomerado actual de poderes difusos, ou xa non tanto, que gobernan as nosas vidas, as grandes corporacións cos seus tentáculos económicos e militares).

Co tempo fun comprendendo algo máis a Kant e acheguei a unha dicotomía moi similar á que el expuxo, aínda que iso non supoña dar por boas o conxunto das súas posicións (ao contrario, sigo pensando que Kant debuxou as contornas intelectuais dun mundo que non é o noso, pero esa é outra historia, prometida para outro día quizais).

Unha dicotomía que pode simplificar a cuestión da filosofía en dous problemas que o articulan todo, que kantianamente chamarei “natureza” e “liberdade”.

Que é o ser humano é unha pregunta de resposta tan longa (e inconclusa) como se estea disposto a escoitar (ou ler), unha pregunta que concierne á caracterización dunha realidade dada, empíricamente concreta, que existe como o resto de entidades que, como dicían os antigos gregos, “son por natureza”. O humano é como é, o cal inclúe unha diversidade empírica tan grande que non basta unha única ciencia para explorala, fan falta a bioloxía, a psicoloxía, a antropoloxía, a socioloxía, a economía… e todos os recortes engadidos ou mesturados que se dan nelas; en realidade trátase dunha indagación inacabable, igual que ocorre con calquera outra realidade existente (agás se nolas habemos cun sistema matemático axiomáticamente pechado, que tampouco está exento de complexidade e problemas epistémicos).

Con todo o ser humano non é unha entidade natural máis. A “natureza humana” (sexa iso o que sexa) fainos compartir algo con outras realidades pero falta un algo máis que non é natureza para acabar de compoñer o conxunto, e caracterizarnos de maneira exclusiva e esencial.

Poñendo con cautela o da exclusividade, diriamos que o ser humano é o único que vai máis aló do dado por natureza, que non habita só na inmediatez senón tamén en mundos artificiais, creados, imaxinarios, mundos simbólicos que forman parte de nosas máis naturalizadas costumes. A iso se lle chama liberdade, o que nos fai habitar a brecha entre o dentro e o fóra e ter que aprender a ser, tamén a convivir.

Todos os problemas filosóficos resumen aí: a natureza que nos iguala e supera e a liberdade que nos singulariza e distingue (tanto individual como colectivamente). Por iso a filosofía non é só coñecemento, é tamén unha práctica de vida, algo útil para transitar (Adela Cortina, “Para que serve realmente…? A ética“) “do egoísmo estúpido á cooperación intelixente”. E niso consiste aínda.

 

Setembro 2025

EL ESCRIBA DE LA DEMOCRACIA

  El pasado 14 de marzo fallecía Jürgen Habermas a los 96 años, la figura más importante del panorama filosófico   de las últimas seis décad...