Nunca acabei de entender iso que dicía Kant de
que todas as preguntas da filosofía resúmense nunha soa, “que é o home?” Aparte
do tufo masculinocéntrico contra o que cabe apelar a un uso amplo do termo
“home” que inclúa ás mulleres, sempre me pareceu unha idea cargada de prexuizos,
concibida sobre un molde cultural anticuado.
Por que o home debía ser a referencia (e non,
poñamos por caso, a natureza ou o espírito)? Se a filosofía quere alcanzar
algunha verdade, pensaba, debía desembarazarse dunha perspectiva limitada e
transcender o que somos, buscar algo realmente xeral do que os humanos non
sexamos máis que un caso particular. Por que aceptar a validez do noso pequeno
punto de vista?
Sobre iso polemizaban humanismo e
antihumanismo, de Nietzsche e Heidegger a Lévi-Strauss e Foucault ata novos
paradigmas como o ecoloxismo, que apuntaban a redimensionar o humano (antes da
eclosión dos poshumanismos tecnolóxicos como parte do conglomerado actual de
poderes difusos, ou xa non tanto, que gobernan as nosas vidas, as grandes
corporacións cos seus tentáculos económicos e militares).
Co tempo fun comprendendo algo máis a Kant e
acheguei a unha dicotomía moi similar á que el expuxo, aínda que iso non supoña
dar por boas o conxunto das súas posicións (ao contrario, sigo pensando que
Kant debuxou as contornas intelectuais dun mundo que non é o noso, pero esa é
outra historia, prometida para outro día quizais).
Unha dicotomía que pode simplificar a cuestión
da filosofía en dous problemas que o articulan todo, que kantianamente chamarei
“natureza” e “liberdade”.
Que é o ser humano é unha pregunta de resposta
tan longa (e inconclusa) como se estea disposto a escoitar (ou ler), unha
pregunta que concierne á caracterización dunha realidade dada, empíricamente
concreta, que existe como o resto de entidades que, como dicían os antigos
gregos, “son por natureza”. O humano é como é, o cal inclúe unha diversidade
empírica tan grande que non basta unha única ciencia para explorala, fan falta
a bioloxía, a psicoloxía, a antropoloxía, a socioloxía, a economía… e todos os
recortes engadidos ou mesturados que se dan nelas; en realidade trátase dunha
indagación inacabable, igual que ocorre con calquera outra realidade existente (agás
se nolas habemos cun sistema matemático axiomáticamente pechado, que tampouco
está exento de complexidade e problemas epistémicos).
Con todo o ser humano non é unha entidade
natural máis. A “natureza humana” (sexa iso o que sexa) fainos compartir algo
con outras realidades pero falta un algo máis que non é natureza para acabar de
compoñer o conxunto, e caracterizarnos de maneira exclusiva e esencial.
Poñendo con cautela o da exclusividade,
diriamos que o ser humano é o único que vai máis aló do dado por natureza, que
non habita só na inmediatez senón tamén en mundos artificiais, creados,
imaxinarios, mundos simbólicos que forman parte de nosas máis naturalizadas
costumes. A iso se lle chama liberdade, o que nos fai habitar a brecha entre o
dentro e o fóra e ter que aprender a ser, tamén a convivir.
Todos os problemas filosóficos resumen aí: a
natureza que nos iguala e supera e a liberdade que nos singulariza e distingue
(tanto individual como colectivamente). Por iso a filosofía non é só
coñecemento, é tamén unha práctica de vida, algo útil para transitar (Adela
Cortina, “Para que serve realmente…? A ética“) “do egoísmo estúpido á
cooperación intelixente”. E niso consiste aínda.
Setembro
2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario