Hannah Arendt pertence ao
repertorio de pensadoras esenciais do último século. Ninguén como ela
representa algúns dos grandes dramas que aínda son da nosa época, muller nun
mundo dominado por homes, intelectual nun mundo que aprecia máis o poder que a
intelixencia, xudea empurrada ao exilio e obrigada a reinventarse en EE UU tras
a diáspora fuxindo dos nazis.
De Arendt popularizouse sobre todo o concepto de “banalidade
do mal”, que elabora a principios dos anos 60 tras cubrir como correspondente
do New Yorker o xuízo ao dirixente nazi Adolf Eichmann en Xerusalén. Pero xa
antes dera forma a unha análise do panorama histórico e político contemporáneo
que, sendo novidoso, estaba moi conectado coa tradición de Aristóteles a Marx e
co legado que o século XIX deixou ao XX: a conciencia dunha crise
civilizacional que obrigaba a reformular o problema da existencia humana, o
rexeitamento de que o mero progreso científico-técnico puidese constituír unha
salvación para a humanidade, e o carácter radicalmente novo dos sistemas de
dominio totalitario que tivo ocasión de presenciar (o nazi en carne propia,
pero tamén o estalinista, pioneira en denunciar).
Arendt representa unha forma de pensar pegada á época que lle
tocou vivir. Igual que Aristóteles foi o gran pensador da democracia antiga,
ela foino da moderna, centrando no pluralismo a condición imprescindible da
acción política, o máis valioso do ser humano. Por iso o totalitarismo é tan
novo e radical, porque non é só unha cuestión de dominación política, nin
sequera de exterminio físico, senón unha perversión moral que afecta á esencia
humana e a súa dignidade. De aí o empeño nazi en aniquilar todo rastro de humanidade
dos xudeos, toda pegada da singularidade
de individuos reducidos á súa animalidade e convertidos en pantasmas viventes.
É a deshumanización máxima e o dominio total sobre todos os aspectos da vida.
O oposto ao totalirarismo é a democracia, para Arendt encarnada
na democracia liberal do sistema norteamericano que a acolleu. Pero é claro que
cincuenta anos despois da súa morte o contexto cambiou, xa non só polo
trumpismo senón desde a globalización neoliberal. Unha cuestión debatida é:
perviviu o totalitarismo baixo a democracia liberal?
O politólogo Sheldon Wollin sostuvo a tese do “totalitarismo
invertido”, a estrutura implícita das democracias baleiradas de substancia por
mor do consumismo e o espectáculo, formando unha sociedade pasiva, desmobilizada
e fácilmente manipulable. Tese discutida porque implica difuminar a
especificidade do concepto de totalitarismo e obviar o terror disciplinario.
En todo caso, máis aló de como chamemos ás cousas, quixera rematar
con dúas apreciacións. No contexto actual de trumpismo galopante, reármase de sentido
a contraposición estrita entre pluralismo democrático (coas reservas que
queiran facérselle) e deriva totalitaria. Á autocrítica democrática imponse a
relevancia desa contraposición estrita que Arendt destacara.
E a segunda observación relativa a Gaza (hay que darlle voz en
todos os foros e sempre que se poida). Gaza é a mostra máis sangrante da
pervivencia de rasgos totalitarios nas sociedades democráticas, un exemplo vivo
de terror totalitario exercido sobre unha poboación que foi declarada
excedente. Aquela dúbida tras da derrota nazi de se os alemáns sabían xa non ten
sentido, o exterminio palestino está a ocorrer á vista de todos. E non se
albiscan tropas que veñan liberar, ningún indicio de desembarco de Normandía,
moi lonxe un novo proceso de Núremberg que algún día terá que chegar.
Abril 2025