Dicía o filósofo escocés David Hume que os feitos se
presentan un a un, aillados, e que somos nós os que establecemos relacións
entre eles, en base á experiencia acumulada na memoria e as tendencias naturais
da imaxinación. Así é como construímos un mundo á nosa medida, coñecendo as
cousas crendo que lles arrincamos os seus segredos, pero de feito proxectámonos
nelas. Quen sabe.
Vexamos 2008, un ano decisivo na historia recente por ter
coincidido feitos moi diferentes que marcaron o final da “globalización feliz”
(así se ten chamado), o ano da debacle financeira e inicio da Gran Recesión. A
Olimpiada de Beijing servía de escaparate para presentar China ante o mundo,
despois dunha década de despegue interior e antes doutra de expansión exterior á
busca de recursos (hoxe ten colonizada unha extensión similar á de Francia). Pero
volvamos a 2008: ó mesmo tempo que Facebook engade ás publicacións a opción like (un paso de xigante na cada vez
máis decisiva economía da atención), a Corte Suprema de EE UU adopta unha
interpretación de Segunda Enmenda que liberaliza na práctica o control de armas
en EE UU. Con tiros reais ou clicks dixitais, os índices dopamínicos e
testosterónicos disparados adiantábanse a ofrecer reparo á ansiedade que estaba
por vir, a época do precariado, nun ano realmente excepcional no que Putin
decidía perpetuarse na persoa interposta de Medvédev, e os territorios prorusos
de Abjasia e Osetia do Sul serviron de escenario da guerra ruso-georgiana
(ensaio menor da futura Ucraína). Se lle engadimos os conflitos alimentarios en
máis de corenta países, foi un ano inesquecible.
Agora que o lector poña entre os feitos as relacións que
considere. Construir un relato non sirve para ter a verdade absoluta pero sí para
entender mellor onde vivimos, lonxe de cometer o erro tan frecuente en
estudantes incautos, cando falan de Hume, de poñer casualidade onde debe dicir
causalidade (erro garrafal que demostra non ter entendido nada).
En 1991, ano da disolución da URSS, creouse o Goldman Sachs
Comodity Index sobre unha mostra de productos alimentarios esenciais, para
facilitar o seu manexo especulativo na Bolsa de Chicago, praza central dos
mercados alimentarios globais. En pouco máis dunha década, a Bolsa de Chicago
movía cincuenta veces máis cartos coa especulación cos precios do trigo do que
supón a suma total da producción mundial de trigo. Agora, quince anos despois
de 2008, non se pode negar a coherencia do fío que une a orxía neoliberal de creatividade
financeira e as políticas de reducción da protección social, entre a fuga do
capital inmaterial e os ciclos de crise e hambruna que viviría a humanidade (os
principais: o que desemboca na Primaveira Árabe en 2011, e en 2022 a resultas
do tremendo golpe de realidade que foi a pandemia). As cifras de inseguridade
alimentaria son abraiantes: 135 millóns antes da pandemia, 276 millóns despois.
E de fondo, o imparable e desigual cambio climático.
Agora, coa guerra en Ucraína, son 323 millóns. Imáxinábamos
que as guerras serían libradas desde escuros despachos con videoconsolas
dixitais ou en remotos países interpostos, e Ucrania nos devolve a realidade
dos bombardeos e a loita por territorio e recursos en Europa, convertida en
socia menor do teatro global. Frente a globalización feliz, o real parece estar
de volta. Incluso uns globos aerostáticos nos ceos de América nos devolven a un
mundo más simple e elemental. Un novo ciclo que veremos se acaba por trocarse en
sismo.