(Artigo publicado o 8-M/2026)
Era un escándalo o repertorio tan parcial e nesgado da
historia da filosofía que se estudaba na bacharelato, cheo de pouco menos que
patriarcas que agochaban baixo rostros solemnemente masculinos algunhas ideas
aberrantes. Un canon no que sigue habendo moito mito que desmontar, e moita
inercia administrativa para poder realmente cambiar, pero alomenos para o
pensamento do último século agora se estudan sobre todo mulleres: unha figura
clave do pensamento político contemporáneo como Hannah Arendt, con análises do
totalitarismo que non deixan de ter actualidade; Simone de Beauvoir, arredor da
que se desgranan as contribucións dos distintos feminismos; e María Zambrano,
que aporta un punto de vista chave sobre os límites da racionalidade
tradicional e a deriva cara a cultura da imaxe, ademáis de conformar xunto a Ortega
y Gasset a cuota hispana nun programa que seguramente a necesitaba, precursora
de autoras que internacionalizaron a filosofía española como Adela Cortina,
Victoria Camps ou Amelia Valcárcel. Estes cambios levan implementándose solo
dous anos, contra unha historia de séculos que nunca considerara a relevancia
das mulleres, o cal indica o moito que queda por facer.
Porque Roma non se conquista nun día, así que neste 8M de
reivindicación feminista en tempos de incerteza, malia que todo parece volverse
líquido e discutible, compre reafirmar as conquistas esenciais e separar o grao
do realmente importante respecto da palla das estratexias políticas
interesadas. O feminismo xa está institucionalizado, forma parte de tendencias
de fondo que transcenden o coxuntural, aínda que se atope con problemas
derivados do descrédito das institucións e o ánimo anti-sistema que cunde
especialmente entre a xuventude. O mesmo que lle ocorre á propia democracia.
Pero mirado con amplitude o feminismo ten un lugar destacado
no panorama das ideas alomenos nos últimos tres cuartos de século, dende que “O
segundo sexo” aportou conceptos específicos para pensar a cuestión feminina e,
por extensión, a cuestión do xénero. A lente podería ampliarse, e abranguer as
loitas de mulleres e as súas aportacións en ámbitos diferentes (políticos,
científicos, literarios), por minoritarias que fosen en capacidade de
influencia no relato dominante da historia. Pero esto cambiou nas últimas
décadas, coa saída de cada vez máis mulleres ao primeiro plano de escenarios
diversos, desde a intimidade e o doméstico ata o social e público, un cambio
masivo aínda que solo se traslade tímidamente aos escalóns máis altos da
pirámide social.
Brecha de xénero, teitos de cristal, violencia, feminicidios
son problemas reais que non deben oscurecer a ruptura epistémica derivada da
presenza crecente das mulleres. É ademáis unha tendencia global, non unha
conquista do occidente liberal senón transversal a mentalidades e latitudes. Hai
opcións reais de cambio nas teocracias máis ríxidas sen o impulso das mulleres?
Pero o mundo parece botarse ao monte da loucura bélica e, entrementres,
esquecerse das mulleres afganas. Por outra banda, o ascenso de posicións ultras
na órbita occidental solo parece poder ser contrarrestado polas mulleres, que
son o electorado decisivo en disputa.
Aos homes quédanos moito
por aprender das mulleres. Asi que basta de ombliguismo de xénero e dar por
supostas vellas perspectivas e privilexios. Tantos anos de cultura dominante
masculina cúranse lendo autoras que representan o máis fresco e novidoso do
panorama cultural, de Donna Haraway a Eva Illouz, de Rebecca Solnit a Remedios
Zafra, de Leila Guerriero a Virginie Despentes, e tantas outras. Non se trata
do mundo das mulleres senón dun mundo enriquecido, máis real e diverso.