Iste artigo íase titular “tristura dos xoguetes” pero ben sei que os xoguetes traen tamén ledicia. Se incluso os adultos gostamos do xogo de satisfacer os desexos, canto máis os nenos que, sen as dobreces do cálculo e a memoria, e sen saber das traicións do tempo, viven nas superficies lisas da inocencia.
Por iso os desexos dun neno son presa fácil do mercado. E como todos somos un pouco nenos cando veñen os reis magos, xa temos o estado de ánimo perfecto para que o Nadal todo se torne nunca apoteose do consumo recreativo. Non se regalarían tantas cousas se no feito de mercalas non se agochase un segredo pracer, convenientemente estimulado polo sistema da publicidade. O goce de dar fusiónase coa fruición de mercar (mecanismo psicolóxico que coñecen ben os expertos en marketing).
Pero o significado máis decisivo dos xoguetes de reis está no terreo da moral. Para ver cumpridos os propios desexos tes que prometer ser bo, respectar as normas, acomodarte; así que a frustración será o estigma dos malos ou dos que non se axustaron suficientemente aos modos vixentes. Coa súa bondade incuestionable, os reis magos sempre foron de promotores da moralidade.
Os reis magos teñen convivido coa figura de Papá Noel en España dende hai vintecinco anos, en paralelo á modernización económica e aínda máis coa globalización. O filón navideño made in Hollywood convertíuse nun segmento fixo da programación televisiva, e o leve adianto da data dos regalos foi a ocasión perfecta para a súa duplicación comercial, disfrazada de motivación pedagóxica (así teñen máis tempo para xogar cos xoguetes…). Papá Noel (ou Santa Claus) encarna moito mellor que os reis magos a sustitución da fe relixiosa por unha moralidade desacralizada e mercantilista (esas películas nas que Papá Noel sempre está en grandes centros comerciais).
Fronte a Papá Noel, os reis magos apelan a unha mitoloxía pre-capitalista, propia dunha especie de Arcadia multicultural, con negros de verdade nas cabalgatas (á que para actualizarse faltaríalle sustituir as barbas brancas ou morenas polo rostro dun chinés).
A carga simbólica dos xoguetes sufríu toda unha mutación dende os tempos en que non había Papá Noel. Vicente Verdú ten falado da diferenza entre os xoguetes máis tradicionais, que cando deixan de ser usados conservan o seu resto de memoria, e os xoguetes contemporáneos que, cando se rompen, “son de inmediato cadáveres”: separados da vida cotiá, necesitados de enerxía externa ou feitos directamente para non durar.
Velaí asoma a tristura á que me refería ao principio: “os xoguetes son tumbas onde enterramos os nosos desexos” (José Luis Pardo, “Nunca fue tan hermosa la basura”). Ese resto de memoria dun xoguete antigo e sen uso nos deixa estraños e inquedos porque nos fala da patria irrecuperable da infancia, que só podemos entrevela de novo a traveso dos ollos brillantes dos nosos fillos. Tristura pois e tamén ledicia, que se mesturan nos matraces escuros do tempo.
http://www.xornal.com/opinions/2011/01/04/Opinion/xoguetes-reis/2011010413164500528.html
domingo, 16 de enero de 2011
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
EL ESCRIBA DE LA DEMOCRACIA
El pasado 14 de marzo fallecía Jürgen Habermas a los 96 años, la figura más importante del panorama filosófico de las últimas seis décad...
-
ARTÍCULO EN "EL PROGRESO", 5/XI/2023 Adoita dicirse que hai que coñecer a historia para non repetir os seus erros, e non serei eu...
-
Nunca acabei de entender iso que dicía Kant de que todas as preguntas da filosofía resúmense nunha soa, “que é o home?” Aparte do tufo mas...
No hay comentarios:
Publicar un comentario