Hai que ter coidado co que
pensamos, pois poida que teñamos ideas que non merecemos. O reputado
historiador Ian Morris conta que foi visitar unha colega antropóloga a Kenia,
anos 80, disposto a atopar tempo para acabar un libro. Cada día tiñan que ir buscar
auga ó río, e ramas para facer lume e fervela, e así varias horas para poder
usala, pero no tocante ás nativas non querían tratalas coa superioridade propia
do colonialismo encargándolles esas tarefas. As súas xornadas facíanse
insufribles, mentres as mulleres de alí intercambiaban cómplices miradas de
conmiseración, ata que finalmente se impuxo a solución lóxica que todas estaban
a esperar: por un dólar ó día fixéronse cargo, solución que foi de gran axuda
para elas e un alivio para os ilustres visitantes.
Morris desubrira os valores de
“Agraria” (en “Cazadores, campesiños e
carbón. Unha historia dos valores das sociedades humanas”). O autor recoñece
que “talvez Kant non fixese o mesmo”, pero está convencido de que todos
actuariamos así. Eu non o creo de todo (do que é capaz un filósofo por saírse
do redil!), pero é interesante reter a tese principal dun libro con aspectos
discutibles, mais acompañado dunha inxente cantidade de datos. A idea é que cada
época ten os valores que necesita en función da captura de enerxía por persoa e
día permitida polos recursos do medio e as capacidades técnicas. Non é o mesmo
unha sociedade nómade que non pode acumular riqueza que outra campesiña na que
é fundamental a protección da herdanza. Temos os valores que nos convén ter, os
que nos benefician para atender as necesidades vitais e mellorar a eficacia
enerxética.
Cando houbo grupos humanos que
conseguiron pasar a barreira das 10.000 kilocalorías por persoa e día, os
valores igualitarios dos cazadores-recolectores deixaron de ser funcionais, así
como o seu aprecio pola violencia. Iso produciuse coa aparición da agricultura,
que deu paso ás sociedades campesiñas de Agraria.
Foi a agricultura a maior
fraude da historia, como dixo Yuval Noah Harari? Morris pensa que se a
humanidade abandonou a opulencia relativa das sociedades primitivas foi porque
as alternativas eran peores, como pasar fame varias veces ó ano ou ser
esmagados por outros grupos humanos decididos a traballar duro. A humanidade
non elixiu a suxeición do penoso traballo campesiño, pero este fíxose cada vez
máis necesario, inevitable na práctica para non verse superado polos feitos. É
o efecto Reina Vermella que menciona Morris aludindo ó personaxe de Lewis
Carroll: cando todo o marco se move, hai que correr tanto como sexa posible só para
permanecer no mesmo sitio.
Esta situación determinou a
utilidade da escravitude e o patriarcado, valores que permitiron triplicar a
captura de enerxía durante máis de dez mil anos, ata que os combustibles
fósiles permitiron dar outro salto (de 38.000 kcal nos inicios da Revolución
Industrial a 230.000 a finais do século XX) que fixo obsoletas as vellas
xerarquías políticas e valores asociados.
É a sociedade que Morris
denomina Industria, que despois de case trescentos anos acabou cos vestixios de
Agraria. Será a decadencia actual das sociedades liberais unha función dos
límites ecolóxicos de Industria? Que valores serán funcionais cando os
combustibles fósiles dean paso a outras formas de capturar enerxía? Que pensaríamos
que é bó e xusto, se a civilización chega algún día a sosterse de forma limpa,
barata e inesgotable coa anunciada fusión nuclear?
No hay comentarios:
Publicar un comentario