martes, 21 de marzo de 2023

O RETORNO DO REAL

 

Dicía o filósofo escocés David Hume que os feitos se presentan un a un, aillados, e que somos nós os que establecemos relacións entre eles, en base á experiencia acumulada na memoria e as tendencias naturais da imaxinación. Así é como construímos un mundo á nosa medida, coñecendo as cousas crendo que lles arrincamos os seus segredos, pero de feito proxectámonos nelas. Quen sabe.

Vexamos 2008, un ano decisivo na historia recente por ter coincidido feitos moi diferentes que marcaron o final da “globalización feliz” (así se ten chamado), o ano da debacle financeira e inicio da Gran Recesión. A Olimpiada de Beijing servía de escaparate para presentar China ante o mundo, despois dunha década de despegue interior e antes doutra de expansión exterior á busca de recursos (hoxe ten colonizada unha extensión similar á de Francia). Pero volvamos a 2008: ó mesmo tempo que Facebook engade ás publicacións a opción like (un paso de xigante na cada vez máis decisiva economía da atención), a Corte Suprema de EE UU adopta unha interpretación de Segunda Enmenda que liberaliza na práctica o control de armas en EE UU. Con tiros reais ou clicks dixitais, os índices dopamínicos e testosterónicos disparados adiantábanse a ofrecer reparo á ansiedade que estaba por vir, a época do precariado, nun ano realmente excepcional no que Putin decidía perpetuarse na persoa interposta de Medvédev, e os territorios prorusos de Abjasia e Osetia do Sul serviron de escenario da guerra ruso-georgiana (ensaio menor da futura Ucraína). Se lle engadimos os conflitos alimentarios en máis de corenta países, foi un ano inesquecible.

Agora que o lector poña entre os feitos as relacións que considere. Construir un relato non sirve para ter a verdade absoluta pero sí para entender mellor onde vivimos, lonxe de cometer o erro tan frecuente en estudantes incautos, cando falan de Hume, de poñer casualidade onde debe dicir causalidade (erro garrafal que demostra non ter entendido nada).

En 1991, ano da disolución da URSS, creouse o Goldman Sachs Comodity Index sobre unha mostra de productos alimentarios esenciais, para facilitar o seu manexo especulativo na Bolsa de Chicago, praza central dos mercados alimentarios globais. En pouco máis dunha década, a Bolsa de Chicago movía cincuenta veces máis cartos coa especulación cos precios do trigo do que supón a suma total da producción mundial de trigo. Agora, quince anos despois de 2008, non se pode negar a coherencia do fío que une a orxía neoliberal de creatividade financeira e as políticas de reducción da protección social, entre a fuga do capital inmaterial e os ciclos de crise e hambruna que viviría a humanidade (os principais: o que desemboca na Primaveira Árabe en 2011, e en 2022 a resultas do tremendo golpe de realidade que foi a pandemia). As cifras de inseguridade alimentaria son abraiantes: 135 millóns antes da pandemia, 276 millóns despois. E de fondo, o imparable e desigual cambio climático.

Agora, coa guerra en Ucraína, son 323 millóns. Imáxinábamos que as guerras serían libradas desde escuros despachos con videoconsolas dixitais ou en remotos países interpostos, e Ucrania nos devolve a realidade dos bombardeos e a loita por territorio e recursos en Europa, convertida en socia menor do teatro global. Frente a globalización feliz, o real parece estar de volta. Incluso uns globos aerostáticos nos ceos de América nos devolven a un mundo más simple e elemental. Un novo ciclo que veremos se acaba por trocarse en sismo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

EL ESCRIBA DE LA DEMOCRACIA

  El pasado 14 de marzo fallecía Jürgen Habermas a los 96 años, la figura más importante del panorama filosófico   de las últimas seis décad...