“Adolescencia, sexo e
cultura en Samoa” foi un éxito de vendas nos Estados Unidos dos inicios da Gran
Depresión. As flappers desafiaban o comportamento feminino cos seus pelos e saias curtas, conducindo automóbiles,
fumando e bailando jazz. Margaret Mead era unha delas, unha muller que rompía
cos estereotipos de xénero e quería levar a súa experiencia vital á nova teoría
antropolóxica.
A pesar da tendencia á
esaxeración, e dun coñecemento aínda moi incipiente sobre as relacións
sexo-xénero, Mead foi pioneira á hora de abrir novos camiños á investigación,
ligando a teoría á realidade concreta na súa diversidade (de xénero, cultural,
racial). E para coñecer a realidade había que falar coa xente, non só facer
entrevistas senón convivir, como ela fixo, na afastada Samoa, sobre todo con
mulleres, e coñeceu de primeira man o que as adolescentes samoanas facían, como
pensaban, e o que elas dicían acerca do que facían e pensaban.
Na súa obra quedou
establecido que a adolescencia é unha categoría cultural, un período que o
individualismo capitalista converte nunha fonte enorme de ansiedade; pero ela
descubriu que iso non tiña por que ser así, e que de feito non o era nas
sociedades samoanas que estivo a investigar durante longos anos, nas que a
adolescencia non era necesariamente un período de crise e estrés, senón que
podía selo de liberdade e realización de posibilidades. Mead atopara nas mozas
samoanas un espello das súas propias inquietudes, e quixo convertelas en novas
ideas sobre o amor, a sexualidade, a familia, as relacións humanas, ideas que
abriron o camiño ás profundas transformacións que se produciron desde entón en
todos eses temas.
Ser mozo non é hoxe
máis fácil. As dificultades para formarse, poder independizarse, ter un
traballo e un lugar para vivir, complican ter unha identidade sólida e
harmoniosa, unha raíz capaz de soster un proxecto vital consistente. Dáse un
paradoxo: canto máis determinante é a herdanza material (da posición económica)
menos peso ten a herdanza en sentido cultural, as ideas e valores nos que se
vive. As e os mozos de hoxe adáptanse como poden a modos de vida fluídos e
cambiantes, non teñen grandes referencias, corren alto risco de debilidade
emocional. Os problemas de saúde mental son só a punta do iceberg dunha
condición de crise que axexa en todo momento, coma se as transicións de idade
non acabasen nunca. A mocidade esténdese no tempo, cara atrás, facendo de nenas
e nenos simulacros de mujercitas e hombrecitos, e cara a adiante, postergando
indefinidamente o seu final. É a norma desde a cal se calibran todos os
aspectos da vida, o imperativo permanente de novidade, ruptura e
adaptabilidade.
Unha condición que,
paradoxalmente, imponse nunha sociedade envellecida. O novo alarga a súa
duración temporal canto máis se estreita a súa franxa demográfica. Como se dixo
en Lugo recentemente (Conferencia europea sobre demografía), en 2050 o 30% da
poboación europea terá máis de 65 anos (se non o remedian as correntes
inmigratorias). Un gran reto para o futuro dunhas sociedades nas que, ao mesmo
tempo, se estenden modelos estéticos, e tamén éticos e intelectuais, cada vez
máis xuvenís, adolescentes, infantís.
(Publicado en El Progreso, 24/09/2023)
No hay comentarios:
Publicar un comentario