Aparte de premios xeralmente exquisitos (Oliver Laxe), o
Festival de Cannes distínguese por aportar criterio a cuestións estéticas, prohibindo
por exemplo a desnudez ou os vestidos que “obstaculicen o fluxo dos invitados”,
unha regra que a ninguén se lle oculta que é de aplicación solo para mulleres. Unha
nova andanada de conservadurismo moral? O patriarcado coa súa obsesión
reglamentista? Ou hai outro tipo de criterio, contra os excesos dun espectáculo
que pon en sordina o máis propiamente artístico do certame?
Non pretendo resolver aquí unha cuestión con aristas non sempre
coincidentes. Entre a defensa das singularidades de xénero e a súa anulación
desprégase todo un abano de posicións, dentro e fóra do feminismo, que sirven
para ilustrarnos sobre o mundo que vivimos, da moda á política, do privado ao
público e da estética á ética (e coidado que non son dualidades que se poidan
superpoñer).
Todo un conxunto de cuestións e discursos que están no centro
dun estilo cultural hoxe determinante forxado sobre todo por pensadoras, entre
as que acadou especial influencia a escritora francesa Simone de Beauvoir.
Sobre todo tras plasmar o arquetipo da condición cultural
“muller” na súa magna obra “O segundo sexo”. A partir desa obra, aparecida na metade
do século XX, a antropoloxía poido plantexar a diferenza sexo/xénero, revisar
os condicionantes da feminidade nunha cultura falocéntrica, e abrirse a
experiencias diferentes daquilo en que consista “ser muller”. A súa proposta
dunha “muller independente” remata un camiño que pasa por delimitar os campos
respectivos da bioloxía e a cultura. “Non se nace muller, chégase a selo”.
Esa independencia buscada resume dúas cuestións previas que
articulan o conxunto da súa aportación: unha é a “alteridade” (a muller como “outra”
respecto do home), tema de fondo nos debates do último medio século acerca do recoñecemento
da diversidade que se convertirá nun punto quente da teoría feminista, dividida
entre extender ese recoñecemento da singularidade a outras condiciones
(LGTBQ+…), ou ben reforzar a unidade do suxeito “muller” na loita pola igualdade.
As divisións xurdidas en torno ao 8M tiveron que ver con ese debate.
Pero xa non vivimos no mundo que lle tocou vivir a Beauvoir, o
das décadas centráis do século XX, cando o desacople cultural entre home e muller
era moito máis acusado. Agora asistimos a unha diversidade hiperestimulada polo
sistema e utilizada como estratexia de mercado, e nisto convén atender a un “óptimo
da diversidade”, expresión utilizada para referirse ás mesturas culturais pero que
tamén podería aplicarse ao xénero, e que serviría para tratar de fuxir tanto dos
moldes ríxidos dun binarismo que nos uniformiza en exceso (e abona unha absurda
guerra de sexos) como dunha proliferación ilimitada, tamén absurda, que impide
as identidades compartidas.
En Beauvoir (e a súa época) tratábase tamén da liberdade, algo
que nos sigue a interpelar, se cadra máis que nunca. De entrada trátase de
tomar o control do propio corpo, de vivir a sexualidade sen os corsés do
convencional (o que non quere dicir sen conflitos), de rachar estereotipos.
Pero hai algo máis que a súa época veu mellor que a nosa, e é que ninguén pode
ser libre solo para sí, que non hai liberdade miña sen liberdade do outro/a.
Iso non é algo alleo aos homes, non debería selo, nin siquera
é algo propio do xénero, senón que vale tamén para grupos, sociedades, países.
Aínda que os Trump e Netanyahu de turno fagan por ignoralo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario