lunes, 9 de marzo de 2026

PENSADORAS PARA HOXE

 (Artigo publicado o 8-M/2026)

Era un escándalo o repertorio tan parcial e nesgado da historia da filosofía que se estudaba na bacharelato, cheo de pouco menos que patriarcas que agochaban baixo rostros solemnemente masculinos algunhas ideas aberrantes. Un canon no que sigue habendo moito mito que desmontar, e moita inercia administrativa para poder realmente cambiar, pero alomenos para o pensamento do último século agora se estudan sobre todo mulleres: unha figura clave do pensamento político contemporáneo como Hannah Arendt, con análises do totalitarismo que non deixan de ter actualidade; Simone de Beauvoir, arredor da que se desgranan as contribucións dos distintos feminismos; e María Zambrano, que aporta un punto de vista chave sobre os límites da racionalidade tradicional e a deriva cara a cultura da imaxe, ademáis de conformar xunto a Ortega y Gasset a cuota hispana nun programa que seguramente a necesitaba, precursora de autoras que internacionalizaron a filosofía española como Adela Cortina, Victoria Camps ou Amelia Valcárcel. Estes cambios levan implementándose solo dous anos, contra unha historia de séculos que nunca considerara a relevancia das mulleres, o cal indica o moito que queda por facer. 

Porque Roma non se conquista nun día, así que neste 8M de reivindicación feminista en tempos de incerteza, malia que todo parece volverse líquido e discutible, compre reafirmar as conquistas esenciais e separar o grao do realmente importante respecto da palla das estratexias políticas interesadas. O feminismo xa está institucionalizado, forma parte de tendencias de fondo que transcenden o coxuntural, aínda que se atope con problemas derivados do descrédito das institucións e o ánimo anti-sistema que cunde especialmente entre a xuventude. O mesmo que lle ocorre á propia democracia.  

Pero mirado con amplitude o feminismo ten un lugar destacado no panorama das ideas alomenos nos últimos tres cuartos de século, dende que “O segundo sexo” aportou conceptos específicos para pensar a cuestión feminina e, por extensión, a cuestión do xénero. A lente podería ampliarse, e abranguer as loitas de mulleres e as súas aportacións en ámbitos diferentes (políticos, científicos, literarios), por minoritarias que fosen en capacidade de influencia no relato dominante da historia. Pero esto cambiou nas últimas décadas, coa saída de cada vez máis mulleres ao primeiro plano de escenarios diversos, desde a intimidade e o doméstico ata o social e público, un cambio masivo aínda que solo se traslade tímidamente aos escalóns máis altos da pirámide social.

Brecha de xénero, teitos de cristal, violencia, feminicidios son problemas reais que non deben oscurecer a ruptura epistémica derivada da presenza crecente das mulleres. É ademáis unha tendencia global, non unha conquista do occidente liberal senón transversal a mentalidades e latitudes. Hai opcións reais de cambio nas teocracias máis ríxidas sen o impulso das mulleres? Pero o mundo parece botarse ao monte da loucura bélica e, entrementres, esquecerse das mulleres afganas. Por outra banda, o ascenso de posicións ultras na órbita occidental solo parece poder ser contrarrestado polas mulleres, que son o electorado decisivo en disputa.

 Aos homes quédanos moito por aprender das mulleres. Asi que basta de ombliguismo de xénero e dar por supostas vellas perspectivas e privilexios. Tantos anos de cultura dominante masculina cúranse lendo autoras que representan o máis fresco e novidoso do panorama cultural, de Donna Haraway a Eva Illouz, de Rebecca Solnit a Remedios Zafra, de Leila Guerriero a Virginie Despentes, e tantas outras. Non se trata do mundo das mulleres senón dun mundo enriquecido, máis real e diverso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

EL ESCRIBA DE LA DEMOCRACIA

  El pasado 14 de marzo fallecía Jürgen Habermas a los 96 años, la figura más importante del panorama filosófico   de las últimas seis décad...