lunes, 22 de noviembre de 2010

CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO

CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO

Artigo publicado en xornal.com

Jose Blázquez é poeta e promotor de moitas iniciativas culturais na cidade de Lugo. Unha delas é a “noite de tolos” que ven organizando cada 11 de novembro ás 11 da noite dende hai 17 anos, pola que pasan poetas, cantantes, actores, magos, humoristas, e un público variopinto que non se distingue ben dos que suben ao escenario. Como di Blázquez alí reivindícase a “tolemia” que non se debe confundir cunha tolería calquera, non é un puro descontrol senón unha ruptura creativa e expresiva. Unha forma de ir contra o pensamento único. Contra os moldes vitais ou intelectuais que tentan esclerotizar as tomas de postura singulares. Es negro e esperan que pases como tal, es heterosexual, es de dereitas ou nacionalista… da igual, o caso é poñerte unha etiqueta para saber a que aterse.
O pensamento único é unha etiqueta que se adxudica ao fundamentalismo de mercado propio das posicións neoliberais. Pero o mal que se denuncia vai máis alá da idolatría mercantilista (da que xa non quedan defensores solventes no plano das teorías aínda que siga a ser o respaldo de tantas prácticas) e apunta a toda esa laboura de etiquetado. Cada un afronta o seu camiño e nel atópase cos etiquetadotes, os inquisidores, os normalizadores. Identifícate, se queres ser alguén. Non te me vaias desviar do previsible, non saltes fóra da liña que temos marcada para ti. Compórtate como branco, homosexual, de esquerdas, crente relixioso, tanto dá, o caso é saber cómo ferirte.
Analizando as formas do delirio, o meu apreciado Gilles Deleuze ten distinguido entre o desequilibrio totalitario da paranoia e o anarco da esquizofrenia, e cómo esta pode caer nun puro desfondamento ou ben acadar unha consistencia a outro nivel, o caos pode ter unha virtualidade creativa e produtiva –como a “tolemia” dos tolos de Lugo. Ciencia dos segmentos de orde xerados nun medio caótico, arte das liñas de fuga que xeran novos planos de consistencia.
Tamén falaba Deleuze das drogas, cómo é posible facer un uso produtivo e controlado delas –cousa que hoxe parece atentar contra dos hábitos da corrección política, aínda que haxa cada vez máis voces que reclaman un cambio drástico nas políticas prohibicionistas.
A corrección política tamén forma parte da obsesión normalizadora –esa que convirte nun problema moral as bufonadas dun personaxe como Sánchez Dragó. Hai que andar sempre co carné na boca, ter clara a filiación, levar ben á vista a bandeira cos principios. Qué aburrimento! “Horda insensible aos matices”, que dicía o admirado Nabokov. Os adorables matices que se agochan no Deus pensado polos ateos ou nas dúbidas dos crentes. As razóns que teñen os que non son coma ti. Amor dos paradoxos, carreiros que se bifurcan coma o xardín de Borges. Remedios que enveleñan e veleños que curan. Matices que desfán o pensamento único e non deixan ler o que pon nas etiquetas.

1 comentario:

EL ESCRIBA DE LA DEMOCRACIA

  El pasado 14 de marzo fallecía Jürgen Habermas a los 96 años, la figura más importante del panorama filosófico   de las últimas seis décad...