jueves, 2 de diciembre de 2010

NECESITAMOS MÁIS HETERODOXIA

 

 
Teño un colega que abandonou a tarefa de opinar sobre o mundo e deixouno por imposible. Especialmente o mundo político. Todo o que se pode dicir vólvese fume nun momento, os feitos desminten aos discursos, as referencias evaporáronse –disque nos rescoldos do Muro de Berlín.
Opinar vólvese unha tarefa con pouco sentido, tan prolífica como volátil, que rara vez alcanza a tocar o sentido dos feitos. Trátase do imperio da “doxa”, a falsa república das opinións. Así que o meu colega preferíu calar, di que xa non entende o mundo, e o mundo empéñase en non desmentilo. Eu, pola miña parte, non o teño tan claro, e ademáis, cando nos vemos e o escoito non parar de falar e opinar, penso que nunca o silencio foi unha verdadeira opción para el –para quen ten o veleño.
Unha maneira de agochar as dificultades da opinión é aterse a unha escolástica. Co Muro de Berlín había unha liña clara de demarcación entre bloques, e dentro deles dábanse estratexias de acción política que tiñan sentido nese campo de xogo, aínda que o mellor desas estratexias estivese nas liñas que cruzaban dun lado a outro, os marxismos occidentais e os antitotalitarismos do Leste. Os saltadores do Muro. En Europa occidental a democracia cristiana e a socialdemocracia aínda podían parecer diferentes, o ciclo alcista dos Estados de benestar daba para permitirse esas alegrías. Pero o marxismo, a forza transformadora máis ambiciosa do século, foi cada vez máis un catálogo de receitas que valían para todo, unha escolástica. Un cartón-pedra que xa estaba en pedazos cando o Muro se veu abaixo.
E desde entonces quedámonos coa escolástica neoliberal. Non puxemos ningún reparo á financiarización da economía e a codicia adquiríu carta de natureza. Ata que descobrimos que non só estabamos ao albur da economía financeira senón que estabamos directamente financiados por fluxos externos e ingobernabeis, xeralmente hostís. A reforma dos mercados financieros fica nun desexo piadoso que só os máis atrevidos (Obama) poñen riba da mesa, pero non hai G-20 que poida encetar a tarefa ou que queira facela (aínda que se cadra non haxa outra utopía).
Mentres tanto, para a realidade e non para a utopía, o que queda por vir é o “axuste” do benestar que esixen os “mercados”: a reforma laboral primeiro, a reforma das pensións despois, e as rebaixas da protección social ata non se sabe cando. Non me extraña que o meu colega estea defraudado coa marcha xeral das cousas.
Nesta nova realidade “flexíbel” que ninguén parece poder deter hai quen se refuxia nunha neoescolástica de andar por casa que consiste na permanente invocación ao “sentido común”, ao que pensa a xente “normal e corrente” porque é o “natural”, como gosta moitas veces de dicir Mariano Rajoy. Como programa político é no mellor dos casos un precepto baleiro, cando non unha peligrosa apelación aos sentimentos máis viscerais; sóame ás turbas saíndo das cavernas á procura dun chivo expiatorio. A brigadas de seguridade privada e persecución da heterodoxia. A mín dame medo o sentido común convertido en criterio político –aínda que fose, como dicía Descartes, a cousa mellor repartida do mundo. Creo que precisamos de máis heterodoxia, máis “sentido propio” como quería Unamuno. Direillelo ao meu colega a ver que opina.

Publicado en xornal.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario

EL ESCRIBA DE LA DEMOCRACIA

  El pasado 14 de marzo fallecía Jürgen Habermas a los 96 años, la figura más importante del panorama filosófico   de las últimas seis décad...