A mesma semana que se celebrou o Día Mundial da Arte, a Semana
Galega de Filosofía adicouse en Pontevedra a explorar a relación arte/filosofía,
un tema adiado a miudo, coma se fose o parente pobre da filosofía. Pero como xa
viron os antigos gregos hai algo esencial na arte en relación co que nos define
como seres humanos, e tamén boa parte do pensamento contemporáneo está marcado
por un modelo artístico, en competencia con outros modelos (sobre todo científico
e político) que disolven unha filosofía única, integral, que hoxe xa non parece
factible.
Unha páxina atopada entre os papeis de Hegel, pero
seguramente escrita por Schelling nos últimos anos do século XVIII, contén un manifesto
para unificar o que separara a deriva racionalista e científica da Ilustración.
O documento, publicado en 1917 co título de “Programa-sistema do primeiro
idealismo alemán”, defendía a necesidade de hibridar os distintos saberes e
discursos, tal como poetizar as ciencias, sensualizar a filosofía e situar a
arte no cumio das actividades humanas, ideas que concentran o núcleo do que
sería o ideario romántico.
No centro de todo estaba a poesía, entendida según o que os
gregos chamaban “poietikós”, isto é, o creativo e produtivo, que se completaba
co contemplativo/teórico (encarnado polo filósofo) e o activo/práctico, en
referencia á vida social e política. Pero os románticos rexeitaban as divisións,
non se interesaban por sistemas pechados e ríxidos senón por visións do mundo
abertas e en constante fluxo, que desafiaban tanto os convencionalismos sociais
como os límites expresivos da linguaxe. O poeta, como reclamaba Novalis, era o
máis alto grado do pensador. O Zaratustra de Nietzsche representará ese intento
de aunar filosofía e poesía e pensar a través de figuras en lugar de mediante
conceptos.
O desenvolvemento da antropoloxía confirmará o lugar esencial
da arte entre os factores humanizadores. Fainos humanos a creación expresiva
que quedou nas paredes de covas paleolíticas de épocas anteriores a calquera
linguaxe coñecida, das que se discute o significado concreto que podían ter
pero non o seu carácter simbólico; por iso tamén podemos ser caracterizados
como Homo Symbolicus (Ernst Cassirer), sendo a linguaxe unha concreción
técnicamente avanzada desa función simbólica previa, máis xeral, que nos
vincula desde a orixe como especie coa función artística.
Facemos arte para representar o real desde unha perspectiva
novidosa, pero tamén para enmascarar a nosa relación puramente utilitaria coas
cousas. O simbolismo nos aparta da inmediatez e abre un mundo novo, que solo
así será un mundo humano, unha realidade transcendida. Representamos as cousas
e apuntamos máis alá delas, a un mundo de significados, nun labirinto
interminable de interpretacións que remiten a outras interpretacións. Toda a
historia da arte pode entenderse como unha combinación entre eses dous polos, a
función de mímese e a estilización expresiva, figuración e abstracción.
Da separación moderna entre producción utilitaria e creación artística
queda ese modelo estético autosuficiente que sin embargo perde capacidade
transformadora a medida que se reduce a unha forma de xestión da industria do
ocio. Máis que un proxecto de transgresión romántica, facer da propia vida unha
obra de arte convértese no imperativo de asumir formas de vida cada vez máis precarias
e fluidas; unha auténtica proeza artística, pero con xa pouca relación coa
verdade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario