“O realismo é a boa conciencia dos fillos de puta”,
escoiteille a Carlos Taibo esta cita do filósofo Georges Bernanos nunha charla
sobre colapso ecosocial. Realistas serían os que sempre dan por sentada a
realidade tal como é e desisten de calquera cambio por consideralo imposible.
Os resignados que enaltecen o peso dos feitos, e os cínicos, que sempre obvian
a súa propia contribución a moldear esa realidade que despois decretan
inalterable.
É un modo de razonar moi presente en todas partes: a condescendencia
coa corrupción, o inútil de todo compromiso, o beneficio propio como única
guía, a vida como pura competencia. Que podemos esperar se todo o mundo
defrauda o que pode? Para que vou aforrar auga, ou separar o lixo, se despois o Estado dilapida os
recursos? O mundo non o fixen eu (menos mal!), as cousas son así, sempre houbo
guerras, explotación dos humildes, dominio patriarcal, aversión ós diferentes. A
civilización? Unha empresa vana que non vai cambiar a nosa demasiado humana
natureza.
Dar por inevitable o racismo, a violencia, a depredación do
medio, o machismo…, se eso é realismo enténdese ben a frase de Bernanos citada
por Taibo. O realismo como excusa para defender posicións de priviliexio, ou
asumir posicións subordinadas, en calquera caso para aceptar que os feitos solo
se definen en termos de poder, que solo podes gañar ou perder. É a renovada
victoria dunha razón simplemente instrumental, estratéxica, elevada de potencia
pola fragmentación do coñecemento na cultura dixital e a ilusión de que todo
problema ten unha solución técnolóxica. É a ideoloxía de fondo que triunfa.
Unha forma de ver a realidade que ten consecuencias: o
prestixio da agresividade, a
intolerancia cos dereitos alleos, o éxito das políticas de rearme; todo conduce
á cascada das tendencias de voto cará á dereita, según as enquisas, o marco
político bascula, quedando o centro da escena mediática ocupado pola guerra
cultural contra as conquistas sociais da “axenda progresista”, considerada unha
conspiración mundial (antes “xudeomasónica”, agora “homoglobalista”). Desprazamento
do marco e mesmo inversión, que nos deixan unha esquerda refuxiada en posicións
defensivas e conservadoras e unha dereita de xesto rebelde que recolle as pulsións
anti-sistema.
Pode que isto non faga xustiza a unha correcta comprensión do
realismo, que tamén pode ser unha forma de conciencia crítica frente os excesos
de idealismo (que, pola súa parte, non carece de falsa “boa conciencia”, pero ese
é outro tema). Hoxe trato do apego á realidade que ignora adrede a construcción
que nós facemos dela. O real é un artificio interesado, conformado en parte
polas propias crenzas (teorema de Thomas en ciencia social: o que definimos
como real ten efectos de realidade), o que explica o éxito das teorías máis
inversosímiles ou fenómenos como as profecías autocumpridas.
A xeopolítica, por exemplo, é extremadamente realista. Se
poñemos o foco nas razóns de Vladimir Putin atopámoslle unha lóxica moi
realista, sen deixar por eso de ser depredadora (chámolle tamén “realismo do
proxeneta”). “É o que hai!”, esa frase tan manida e terrible, que asume que o
mundo pode ser fermoso, sí, se o miramos de lonxe, “pero de cerca ves que está
cheo de merda”, como dí o escritor Niklas Nat och Dag (a exitosa ficción sueca
destaca precisamente polo seu realismo!)
Por certo, e aínda que non sexa moi realista, para cando un
proceso penal para Putin?
(Publicado en El Progreso 12/06/2022)
No hay comentarios:
Publicar un comentario