sábado, 28 de septiembre de 2024

CUMIO DO FUTURO

 

Dime de que presumes e direiche de que careces. Toda rimbombante, a ONU celebra estes días de setembro un cumio para “forxar un novo consenso internacional a fin de mellorar o presente e salvagardar o futuro”, para “restaurar a confianza erosionada” e implementar medidas “polo ben de toda a humanidade”. Son intencións moi loables, nas que sin embargo debe lerse o subtexto que advirte que as sociedades prósperas achegan a un límite crítico, que é visto doutra maneira polas masas que foxen de países que son aniquilados polas guerras, o clima ou as disputas alimentarias. A palabra “futuro” significa cousas moi diferentes para uns e outros. Ademáis, o discurso do “consenso internacional” e a invocación ó “multilateralismo” arrastra vicios de orixe, demasiado vinculado á defensa dunhas determinadas fronteiras xeopolíticas cuxos límites están precisamente en disputa.

Os inmigrantes que buscan unhas mellores condicións de vida están a reconstruír a súa vida, e construíndo o futuro das sociedades de acollida, modificando a súa estrutura demográfica, achegando súa enerxía e seu traballo, e uns valores e actitudes diferentes. Esto xenera resistencias pero, baixo as condicións que sexan (un dos eixos centráis da controversia política actual), ninguén pode sensatamente dubidar de que a súa contribución é necesaria nas economías avanzadas.

Do lado das sociedades receptoras e os organismos internacionais, a preocupación polo futuro é, pola contra, de tipo máis defensivo, vinculada ás repetidas alertas de “emerxencia planetaria”. O termo o fixo célebre en 2009 o que fora director do Centro de Resiliencia de Estocolmo Johan Rockström, e foi adoptado pola ONU e institucións globais asociadas. En palabras do secretario xeral Antonio Guterres en 2021, “enfrontámonos a unha emerxencia planetaria (que inclúe a aceleración do cambio climático, a crecente contaminación e o colapso da biodiversidade) que ameaza o medio ambiente do que depende o futuro de todos”.

O cumio pretende garantir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) no marco da Axenda 2030, pero outro subtexto desta linguaxe globalista sería: a soberanía nacional e individual deben subordinarse a un goberno mundial e a un sistema monetario renovado que estea por riba dos riscos das decisións democráticas. A crecente interdependencia de nacións e rexións debe traducirse nunha diminución da independencia. Os Estados non son capaces de facer fronte ás crises internacionais e, por tanto, o mundo debe adaptarse a novas formas de gobernanza. “O Pacto para o Futuro pode que sexa outra peza do cambio cara a un mundo gobernado por políticos internacionalistas non electos”, comenta o xornalista mexicano Rubén Luengas nun blog especializado, algo que suavizaría o susto constante en que se está a converter cada contenda electoral.

Contaminación, quecemento global, escaseza de auga, fame e guerras conducen á política global a unha conclusión espeluznante: a humanidade é o problema. Masas de desherdados buscan o futuro mentres, do lado da prosperidade, o futuro equivale a control da poboación, limitación do movemento humano e crecemento sostible, baseado na asignación de todos os recursos finitos nun sistema económico renovado, baixo un goberno mundial.

Vainos tan ben que acaba por irnos mal, e seguimos con paso firme ó abismo. É o paradoxo do “fracaso do éxito” segundo Paul Virilio, que nos fai auténticos adictos ó risco.


En EL PROGRESO, 22/09/2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario

EL ESCRIBA DE LA DEMOCRACIA

  El pasado 14 de marzo fallecía Jürgen Habermas a los 96 años, la figura más importante del panorama filosófico   de las últimas seis décad...