viernes, 14 de marzo de 2025

CONSUMO CULTURAL

 

Perplexidades do consumo cultural

Juan Carlos Fernández Naveiro

Grupo Doxa

 

Sen coñecer a Pierre Bourdieu, Manuel Fraga foi precursor en poñer en práctica o “capital cultural”. En 1951 o futuro sempiterno presidente da Xunta de Galiza organizoulle a Salvador Dalí unha conferencia no Teatro María Guerrero de Madrid na que o xenio de Port Lligat, que se deixaba querer polo franquismo, despachouse a gusto con outro xenio, o malagueño Picasso, por comunista e cousas así. Aparte as individualidades sempre singulares (con eles dous máis que con ninguén), a evolución de Dalí reflicte o destino das vangardas nunha época de posguerra mundial que xa non era a súa, pero que si comezaba a ser a nosa. Ninguén a nomeou mellor que Guy Debord, “a sociedade do espectáculo”, aínda que outros prefiran dicir posmodernidade ou calquera outras das formas de denominar a este capitalismo tardío turboglobal

A evolución das vangardas reflicte o papel que foron adquirindo arte e cultura. Como Fraga, Debord foi pioneiro en entender que a cultura era unha pose vantaxosa no xogo das aparencias sociais, un valor específico que Bordieu chamou “capital cultural”. Unha cousa é ser rico e outra parecelo. Utilizamos a música, os libros, a indumentaria ou os modais para distinguirnos e establecer mediante xuízos de gusto unha posición de clase que non sempre coincide co capital económico, unha esfera propia na que rexe a lóxica do espectáculo.

Seguindo esta lóxica, as vangardas que viñan cambiar o mundo integráronse pronto no mercado e levaron ao paroxismo a pose cultural. Arte e cultura perderon a aura de experiencia singular e única “na época da reproductibilidade técnica”, como viu Walter Benjamin e confirmou a cultura dixital.

Pero o espectáculo non é só unha nova esfera emancipada senón a substancia de todo aquilo que toca, incluídas a fría economía e a vetusta política. É a ideoloxía da fin das ideoloxías. Fraga e os seus cachorros “liberais” do franquismo entendérono cando adularon a Dalí, dándolle proxección institucional como emblema dun país que se faría moderno de costas aos conflitos ideolóxicos da guerra civil e enarborando unha imaxe cultural homologada ás correntes internacionais que, desde EE UU, promocionaban o espírito vangardista da abstracción, utilizándoo na incipiente Guerra Fría en contra do realismo que se consideraba de obediencia soviética. Ao que se unía o noso particular pragmatismo hispano, que levou a Fraga a proclamar que “vale máis Dalí en man que cento voando”, décadas antes de empeñarse na construcción en Santiago dunha megalómana Cidade da Cultura, máis continente que contido (a ver que pasa co Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo!).

Sustituída pola política cultural e a xestión cultural, a cultura deu en ser un elemento central do márketing institucional, e un suculento sector produtivo que debe ser regulado (a cultura é un invento do goberno, dicía Ferlosio), algo que ten seu lado positivo coa creación de museos, bibliotecas, centros cívicos e espazos artísticos que achegan arte e cultura a públicos cada vez máis amplos.

A integración de arte e cultura no mesmo espectáculo que goberna a economía (é dicir, no mercado) failles sin embargo perder relevancia e asmilarse a elementos decorativos. Os produtos culturais son consumidos e rápidamente esquecidos, sometidos ao imperativo de inmediatez. Forman parte do sistema do entretemento, como ocorre maiormente co cinema ou o propio sistema educativo, en pugna desigual con redes e medios de comunicación. O consumo cultural non queda vinculado á reflexión senón á gratificación narcisista e a ostentación social.

Así pasou coas vangardas artísticas, que acabaron por perder capacidade para sinalar rupturas profundas ou provocar cambios de paradigma, como se podía intuir coas bufonadas de Dalí. E coa dixitalización un consumo cultural que pode personalizarse tende sin embargo a aglutinarse en torno a eventos multitudinarios, físicos ou viralizados en redes. O principal neste ano pasado, o concerto de Taylor Swift, dez millóns de entradas que reportan 2.100 millóns de dólares. ¿Quen dixo que o ocio estaba feito para non facer nada?, cando temos a axenda repleta e hai incluso festiváis de filosofía.

 

Xaneiro 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario

EL ESCRIBA DE LA DEMOCRACIA

  El pasado 14 de marzo fallecía Jürgen Habermas a los 96 años, la figura más importante del panorama filosófico   de las últimas seis décad...