viernes, 14 de marzo de 2025

DIALOGANDO CO CHAT

 

DIALOGANDO CO CHAT

Juan Carlos Fernández Naveiro

Grupo Doxa

 

Por curiosidade, un día pregunteille a un chat intelixente ónde fora Castelao de viaxe en 1921, e deume unha resposta de coherencia incuestionable (“Castelao andivo por Galicia…”), coherente pero falsa, e así llelo fixen saber (“Castelao foi por Europa ese ano…”, díxenlle). O programa lamenta a confusión e, ao seguir inquerindo que ciudades visitou, volve coa súa coherencia a darme outra resposta parcialmente falsa (por exemplo que estivo en Londres), e eu dígollelo e volve lamentarse. Outro chat dime que andivo por América ese ano e incluso constrúe un itinerario totalmente inventado (Bós Aires, Montevideo…), todo falso, así que como parece ser que cada pregunta gasta unha botella das de litro e medio desisto de seguir indagando e gastar máis auga. Estaba claro que eses programas (versión gratuita, todo hai que dicilo) non sabían onde fora Castelao ese ano e non tiñan siquiera a picardía de consultar a Wikipedia.

Todo esto para recomendar cautela coas fontes, non é ouro todo o que reloce. É algo xa moi sabido: a información dixital deu un paso máis na indistinción entre verdade e apariencia, ente realidade e ficción, un paso que revirte en desacreditar es mesmas nocións de “verdade” e “realidade”. Xa o dicía Deleuze: o virtual tamén é real. O contrario do virtual non é o real, senón o actual, algo parecido ao que xa dicía Aristóteles pero agora sen atisbos de nada sustancial, todo indistintamente accidente.

A expresión “intelixencia artificial” ten un significado parecidamente paradóxico ao de “realidade virtual”, unha mesma tensión interna na que acaba por desaparecer a oposición artificial/natural en beneficio dunha intelixencia desencarnada na que todo é posible. “Intelixencia xenerativa”, dise. Xerar contidos que parecen reais, que suplantan o real a forza de indistinguirse del. Agora ben, non é eso o que fai –o que sempre fixo– a cultura? Engadir capa sobre capa a unha actividade orixinaria que queda fóra de acceso, recuberta pola segunda natureza dunha realidade engadida en crecemento constante.

Nun mundo omniocupado pola información temos un problema coa fiabilidade das fontes e a orixinalidade, problema sobredimensionado pola tecnoloxía pero non totalmente novo. Boa parte da producción académica é unha remestura de produtos previos. No fondo sempre estamos copiando algo. As lecturas, informacións e fontes anteriores están aí, nunha especie de fondo de armario ao que non podemos deixar de recurrir e que formatea o contido do que escribimos.

Ese fondo é unha memoria artificial que confire un sentido a posteriori ás creacións humanas, ao inserilas nun relato canónico. Como fan a historia da arte, a literatura ou a filosofía, que forman marcos de sentido que reinterpretan obras e pensamentos anteriores. Non hai un grao cero da escritura nin acceso a unha experiencia orixinaria. Non hai orixinalidade absoluta, hai reescritura.

As tecnoloxías de intelixencia artificial prolongan a escalas estratosféricas a mesma idea da realidade como biblioteca (ou museo) que de xeito enigmático intuiron as antigas relixións do Libro. “No principio era o Verbo”, dí o Evanxeo de San Xoán reutilizando o Logos grego, e os rabinos do xudaísmo antigo (cun modo de pensar extrañamente persistente ao longo da historia que se prolonga en Sillicon Valley) pensaban no real como un conxunto de palabras hebreas que, se non eran lidas, o universo deixaría de existir. Tamén os humanos somos hoxe cifras dun código, e vagaremos como pantasmas entre os datos anhelando formas de vida que se escapan.

Febreiro 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario

EL ESCRIBA DE LA DEMOCRACIA

  El pasado 14 de marzo fallecía Jürgen Habermas a los 96 años, la figura más importante del panorama filosófico   de las últimas seis décad...