jueves, 23 de septiembre de 2021

O NOMADISMO DOMESTICADO


Altos executivos, traballadores do transporte, xornaleiros, migrantes, refuxiados, turistas. O que teñen en común estas figuras é habitar unha nova dimensión do espazo que o antropólogo Marc Augé bautizou en expresión célebre como “non lugares”, zonas de tránsito literalmente dislocadas como estacións, hoteis, aeroportos, supermercados, pero tamén centros de acollida e campos de traballo, lugares que se repiten con variacións de sabor local, que acollen aos individuos nun espazo falsamente común, en realidade anónimo e solitario.

Non hai aquí vontade de errancia nin de resistencia, nada parecido a afirmar un modo de vida alternativo. O nomadismo é a precarización da existencia sedentaria, incluso o executivo vive unha condición existencial precaria aínda que non o sexa no plano material, aínda que non se considere tal. E por suposto o turista, animado pola procura de recoñecemento, máis que nada un consumidor dos máis voraces, nada que ver coa exploración e o descobremento. En canto a refuxiados e migrantes, son os suxeitos pasivos dunha recodificación dos fluxos animada pola mesma furia conquistadora e depredadora que sempre acompañou ás sociedades sedentarias, que se desenvolve agora, nas tres últimas décadas de capitalismo sen freo, nun terreo propicio.

Deslocalización e precariedade son a realidade actual da nomadoloxía, á que habería que engadir o ciberespazo dixital como nova modalidade de espazo liso. O nomadismo está diversificado. Existe un nomadismo estratificado e codificado que é distinto ás migracións. O primeiro foi propio de sociedades tradicionais nas que o desprazamento periódico estacional impúñase como estratexia de producción (cazadores primitivos pero tamén transhumantes e xornaleiros), cun camiño de ida e volta, similar ao turista moderno. As migracións implican por contra un cambio de residencia que pode ser definitivo ou en todo caso ter un difícil retorno, ou proceder dun desprazamento provisorio que se enquista, un desprazamento voluntario que acaba por ser forzoso.

Se o nomadismo está integrado nos circuitos do sistema do capital éste non deixa de estar conformado polo nomadismo. A nomadoloxía foi precursora á hora de diagnosticar o devir destas décadas, o desregulamento xeral da economía neoliberal. Un texto clave aquí é un capítulo de Mil mesetas, “Aparato de captura”, onde lemos: “Cando os fluxos acadan o umbral capitalista de descodificación e desterritorialización podería pensarse que xa non hai necesidade de Estado para asegurar a apropiación que se volve directamente económica. A economía forma unha axiomática mundial”[1].

Deleuze e Guattari descobren nesa axiomática algúns dos caracteres sustanciais do sistema global: o que denominan seguindo a Paul Virilio “o Estado mínimo do anarcocapitalismo”, que opera por sustracción de axiomas; a nova bipolaridade fundamental centro/periferia, Norte-Sur, pois “o capitalismo central ten necesidade desta periferia constituida polo Terceiro Mundo”; a existencia de “sures ou terceiros mundos interiores ao centro”; e ese vaticinio tan certeiro de que nos toca vivir “a época das minorías” que non se deixan fácilmente axiomatizar, ese fluxo micropolítico indecidible que circula dentro da axiomática maior e despraza os seus límites.  

O panorama que descobren é unha esencial isomorfía de todos os Estados modernos. A axiomática mundial é compatible cunha polimorfía de modelos sempre que remitan a unha metaeconomía que funciona como un arcano. Non hai heteromorfía real, unha vez desaparecidos os Estados socialistas burocráticos. Esta foi a axiomática da globalización descrita pola nomadoloxía.

O nomadismo desactivado foi así o verdadeiro sentido da globalización.

 

 



[1] Ver Aparato de captura(en MIL MESETAS. CAPITALISMO E ESQUIZOFRENIA II, 1980), ps. 459-472.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

EL ESCRIBA DE LA DEMOCRACIA

  El pasado 14 de marzo fallecía Jürgen Habermas a los 96 años, la figura más importante del panorama filosófico   de las últimas seis décad...